"Quen teña algo que dicir que dea un paso adiante e cale" (Karl Krauss)
1 de Dezembro de 2009
DE OFICIO...
O´Miro
Cando ti chegaches eu xa estaba de volta de todo, cun vale de desconto no peto do pantalón. Nas tendas da vella venden bicos de sobre que non saben igual pero alimentan mentres a friaxe lévame a ti, cun latexar amnésico que agarda atopar as sobras da nada. Camiñas por outros corpos, nun rio que quere ser ría, nun Domingo que non é festivo, buscando aquelo que perdiches aquel día, no que xogaches a gañar coas cartas marcadas do querer. Na cidade contan que danzas no abrente cun sorriso forzado, buscando un avogado de oficio, corazón.
Pd:adicada ao Miro, ollada emprestada destas lerias.
A rapaza vai camiño dos tres anos e negocia cada verba que fuxe da sua boca, de cando en vez, cando lle peta. A rapaza é ben linda, "é todo ollos" que non emprega tan só pra ollar, ou mirar con certa atención, que ven sendo o mesmo."Cando digo algo e ela está diante as veces perdo pé, porque ten esa maneira de fitarte que enmagrece a frase e a fai insignificante",di o seu pai. A rapaza viste un iris verdescente e unhas fazulas que piden polas mans do avó, ou da avoa, ou dos tios que xogan con elas coa teima de "pero que bonita eres, e que ollos tes, mágoa de que non soltes prenda". Hoxe toca festa familiar e a tia Antonia apareceu cun papagaio que din que é capaz de imitar a fala humana. Hoxe toca café de pota e os catro vellos mariñeiros todos metidos nun bote, voga voga mariñeiro imos a Ribeira, que boa está a caña do Braulio e veña nena, falalle ao loro que aínda non dixo nada, anímate muller non sexas miñaxoia que raleas cada cousa que dis. Vinte mirares no corpiño da nena, unha coral que aguilloa á cativa, 10 segundos de silencio que acougan a festa, unha rolda de recoñecemento e un mayday sonoro que a protagonista, abrindo os ollos por debaixo da boca, envia ao animal cun concreto “fala ti”, que remata coa gargallada colectiva e o retorno da troula xa que "mira que é simpática a condeada". O Falati morreu 15 anos despois mentres Pemán daba o tempo, a nena é xa unha universitaria que estuda filoloxía, din que foi un ataque epiléptico e ninguén na casa quere chamar a Compostela pra poñela triste.
Os meus beizos pasan a rentes das túas gañas, a miña derrota afúndese co peso de tanta medalla e namentres, os enemigos fuman esa acta esquecida de rendición. Mesturarte cos restos da uva e a suor e unha maneira de investir, nun conxunto desordeado onde sobra o viño e as veces, faltas ti. Este día de lata de sardiñas anda orfo dun anaco de pan e na vella pintan de cores a garita, onde agarda con vocación de sentinela a mesma semana repetida. Un poeta e un prosista asinan con sangue a declaración da renda, o Domingo pensouse Abril, a rúa ule a salitre e o mar, reside na memoria que principia co teu corpo a suba da marea do vivir.
Cun Chet Baker por coartada inspiro medio cigarro nun atraco a man armada do teu corpo. Agora que vivo en Baldío agroman letras acubilladas en posdatas que pintan coa tinta das mentiras, as medias que tiras no chan.
Roubándolle un ripio a Joaquín disparo un verso tuneado cos restos en fuxida do teu motor. Agora que habito na Nostalxia teño as fazulas enchoupadas en carmín que denudan as saídas de emerxencia, onde os que perden piden a vez.
Son un iletrado dos teus silencios, teño un compadre Franético, perdinme de copas cun policía local, nos Martes que decia buscarte.
Hai no ceo da miña boca unha adega do Rosal recomendada polos doutores da seguridade social e ti xa sabes querida, que todo na súa xusta desmedida non é malo. Hai no ceo da miña boca o catálogo esquecido de todas as bocas que quixeron bicarte, dun xeito pausado, suicida, veloz, covarde, vagaroso e lixeiro. Hai no ceo da miña boca un inferno que non pecha co abrente, un incendio sen bombeiros e os restos da túa roupa interior, desnortada na batalla campal dos corpos.
Dame un termómetro pra subir a febre, un banco de portas abertas, unha novela que renegue do escritor e un pan de broa con vocación de centola. A cidade esperta de Domingo buscando alento debaixo das pedras, reseteando ausencias, medindo infinitos e agochando derrotas. A paixón regálase cun Dominical pra mollar no café que quere ser licor e dous bombeiros xogan cun misto, agochando as luces de neón no seu camión. Podo repetir a canción vinte veces ata chuchala coa tinta do papel, podo instalarte na amnesia dun sorriso, podo vestirme de revolución, bicarte como a primeira vez e sacarche un sol debaixo da saia. Dame un teléfono pra non escoitarte, un xuiz pra cometer un atraco, unha herdanza pra ser libre e unha habitación con vistas pra taparme os ollos e asi por fin, poder mirarte, durante 7 segundos.
Teño unha gramola no peito que repite a túa canción nunha cidade mollada pola noite onde todas as mulleres son TI. Teño o que perdín, o disco emprestado, a verba indixesta e a tinta derretida polos bicos non dados. Hoxe son todo sen TI, canso sen TI, só sen TI...TI.